O seleccionador nacional de Hóckey Liña e Director Técnico da RFEP, Philippe Boudreault, impartirá un clinic para adestradores e xogadores desta modalidade o sábado 20 de maio en Lugo. Organizado pola Federación Galega de Patinaxe a través do Comité Galego de Hóckey Liña, desenvolverase no albergue xuvenil Lug2 duarante toda a xornada do sábado e no pavillón Daniel Cordido Castro ao día seguinte, o domingo 21 de maio, durante a celebración das Sedes Infantil e Feminina das Ligas Galegas de Hóckey Liña.

Será un evento importante xa que a presenza de Philippe Boudreault na cidade das murallas supón unha moi boa oportunidade formativa para os técnicos e xogadores. A solicitude está aberta ata o día 16 de maio, podendo inscribirse calquera persoa interesada, maior de 16 anos e con ficha federativa de hóckey liña. Philippe é un dos deportistas máis respetados no mundo do Hóckey Liña español, en boa parte polos seus enormes coñecementos desta disciplina avalados polo grande número de participacións en Campionatos do Mundo coa Selección de Canadá.

Quen é Philippe Boudreault?

Nado en 1973 no Quebec (Canadá), onde coma non podía ser doutro xeito comenza a súa fulgurante carreira como xogador de hóckey sobre xeo. Xoga na Primeira División de Estados Unidos para posteriormente vir a Europa, onde percorre Alemania, Finlandia e dende logo España, sendo xogador do Puigcerdá e pasando a finais da década dos 90 do século pasado ó hóckey liña. Nese tempo, Philippe chega a Castellbisbal onde provoca unha revolución no mundo do hockey liña nacional, obtendo o título de Campión de España en Bilbao no ano 2002.

Despois deste periodo en Castellbisbal emigrou a Namibia para converterse no Director Técnico do clube máis importante do país así como da Selección Nacional, sendo o principal impulsor do éxito de implantación desta disciplina en territorio africano.

De volta ó noso país aterra en Valladolid, onde asume a responsabilidade de ser o adestrador do equipo senior do CPLV durante a tempada 2007/2008 e acadando o título da Copa do Rei en Bilbao e un subcampionato de Europa na cidade francesa de Anglet, na que remata xogando para disputar a Liga Francesa de Hóckey Liña co equipo local e proclamándose subcampión de Europa como xogador. Desde 2008 ó 2014 xoga a Liga de hockey sobre xeo en Jaca.

Como seleccionador nacional acumula un palmarés de tres medallas de bronce en Mundiais en categoría Senior Feminina e dúas medallas de ouro en categoría Junior Feminina.