A Real Federación Española de Patinaje, coa colaboración do municipio oscense de Canfranc, organiza nos meses de xullo-agosto a 1ª edición do Campus de Alta Competición de Hóckey Liña, que estará dirixido polo Director Técnico e Seleccionador Nacional Philippe Boudreault e coordinado polo seu asistente, Jari Nieminen, así coma o resto do técnicos da RFEP.

Os principios fundamentais do mesmo son o perfeccionamento das capacidades técnico/tácticas dos participantes, así como a introducción ó Alto Rendemento Deportivo. Todos os seleccionadores nacionais estarán presentes no Campus, contando ademais coa colaboración de responsables dos programas de Alta Competición das federacións autonómicas, así coma de xogadores da selección española.

Entre os participantes nesta experiencia estarán dous xogadores e dúas xogadoras de Galicia. Por unha banda o porteiro Pablo Álvarez Tallón, do equipo lucense CP Lóstregos, e Lucas Moreira Lomba, xogador de A Guarda Hockey Liña, a quen se sumarán as dúas féminas, Andrea Pulpeiro López do CHL Meigas e Catarina Castro Sas do CP Lóstregos, ambos clubes de Lugo.

Os catro participarán en sesións de prácticas de desevolvemento e mellora de procedementos técnicos e tácticos de Hóckey Liña, que completará a formación deportiva dos xogadores e as xogadoras incrementando os seus recursos, que estarán enfocados ó proceso de adaptación do deportista ó Alto Rendemento Deportivo e á Alta Competición.